Friday 10 de May de 2024

O BNG amosa a súa preocupación polo aumento na contratación de empresas privadas en detrimento do público, para determinados asuntos de competencia municipal


A formación nacionalista aposta pola compostaxe e polos xustos descontos nas tarifas ás veciñas que compostan nas súas casas

O Concelleiro pedirá ao Concello a súa opinión sobre a competencia da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para restrinxir, limitar actividades na Costa de Dexo

O Concello de Oleiros sacou a contratación por un importe de 36.000 euros a elaboración e produción de 16.000 libros-guía de empresas e servicios do Concello. A anterior edición do ano 2015 chamábase “ Atópao en Oleiros” xa hai oito anos, polo que estaba absolutamente obsoleta. No 2005 saíu outra guía con información de máis de 700 empresas. Daquela o Centro Municipal de Formación foi quen coordinou esta publicación que foi enviada a domicilios e empresas. Nesta edición séguese a externalizar e derivar a empresas alleas o que podemos facer con medios propios, seguindo co elevado incremento dos 7.666.143 do orzamento do 2023 aos 9.077.250 euros do orzamento do 2024.
Perguntaremos ao concello por que non se segue a elaborar e producir este tipo de guías con medios propios en lugar de máis unha externalización.

Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía:
Aposta decidida dunha vez pola compostaxe e descontos nas tarifas ás veciñas que compostan nas súas casas
A aposta pola compostaxe segue a ser absolutamente cativa no Consorcio das Mariñas. O escandaloso incremento do recibo podería verse reducido pola colaboración das veciñas que axudan na conservación do planeta, que é patrimonio de todos. Compostando reducimos a emisión de gases que se xeran, por exemplo, no traslado das basuras ás plantas de reciclaxe ou incineración. Tamén reducimos a pegada ecolóxica do ciclo de tratamento dos biorresiduos, reducir a propia xeración de residuos e o consumo de fertilizantes externos. Contribuir na reciclaxe do lixo compostando os biorresiduos e transformalos en compost é promover prácticas ecolóxicas que conciencian e educan á cidadanía para reducir o impacto medioambiental negativo.

Preguntaremos ao Concello se pensan solicitar a aplicación destas medidas ecolóxicas e que reducen os custes tal e como fan en Concellos BNG como Pontevedra.
Competencia da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para restrinxir e limitar actividades na Costa desprotexida de Dexo
Acreditan na competencia que poida ter a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para restrinxir, limitar ou estabelecer un Plano de regulación e conservación na Costa de Dexo, tal e como afirmaron recentemente?.